Praza do Conselleiro Fernando Salgado - 27560 - Monterroso (Lugo)
Volver a todas as Novas

A Xunta comprométese coa creación dun novo museo no Concello de Monterroso cunha achega de 200.000€

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo unha reunión no Parlamento de Galicia co tenente de alcalde do Concello de Monterroso, Eloy Pérez Sindín, na que lle transmitiu o compromiso da Xunta coa creación dun novo museo neste concello lucense. Así, avanzouse un investimento de 200.000€, que se concretará mañá no Consello da Xunta coa aprobación dun convenio de colaboración, mediante o que o Goberno autonómico impulsará a creación deste novo centro de interpretación que permita coñecer e divulgar como era a actividade comercial na Galicia do Antigo Réxime.

En virtude desta colaboración, a Xunta facilitará que o Concello de Monterroso conte cun lugar para a exposición e posta en valor das pezas doadas polo crego Carlos Méndez e crear igualmente un Centro de Interpretación da Feira de Monterroso. Durante máis de 50 anos, o párroco dedicouse a buscar, recoller e catalogar centos de pezas, algunhas encontradas por el mesmo, outras froito de doazóns e outras compradas e creou un museo persoal para que non ser perderan estas pezas.

O novo museo albergará restos históricos de diferentes épocas e de moi diferentes temáticas como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. O novo proxecto estará pensado para todos os públicos, incluídos os investigadores que poderán estudar pezas singulares de distintas épocas, así como visitantes e peregrinos do Camiño Francés, coa intención de dinamizar a súa experiencia.

Prevese que o novo museo estea situado no antigo centro de saúde, que dispón de tres plantas que permitirían unha exposición permanente, mostras temáticas, almacén, obradoiro de restauración e intervención das pezas que o necesiten ou un arquivo documental.

Centro de Interpretación. Monterroso, Vila de Feiras. Desarrollo web: GaliciaDigital
Aviso legalPolítica de privacidadePolítica de cookies